"AS TRES SOLTEIRONAS", COMEDIA TEATRAL DA ASOCIACIÓN CULTURAL ABRENTE DAS NOGAIS O 23 DE ABRIL

 Ás 20:00h no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz, do sábado 23 de abril, a Asociación Cultural Abrente presenta a súa comedia "As tres solteironas". Esta comedia ambientada nos anos 50 caricaturiza a ansia de dúas familias por amañar as súas herdanzas pactando casamentos. Cunha trama argumental que se complica por certos intereses económicos, algún namoramento imprevisto, un cura de armas tomar, envexas, malas linguas e ata unha maga e un enxame de abellas...Financiado no Plan Único da Deputación Provincial: Área de Cultura-Xornadas de teatro 2022




CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO INFANTIL LETRAS GALEGAS 2022. BIBLIOTECA PÚBLICA DE ALFOZ E BIBLIOTECA PÚBLICA DE LUGO

 Un ano máis convócase o concurso de narración e debuxo da Letras Galegas 2022 co tema "O que pasa ao meu arredor". Ata o día 10 de maio poderanse entregar os traballos na Biblioteca Pública de Alfoz, das 3 categorías establecidas: categoría A ata 8 anos, categoría B de 9 a 11 anos e categoría C de 12 a 16 anos. Os premiados na fase local participarán no certame da Biblioteca Pública de Lugo. Bases e inscrición: pincha na imaxe para acceder ao enlace.



BIBIANA CANDIA, AUTORA DE "AZUCRE", O LUNS 21 ÁS 18:00H NA BIBLIOTECA DE ALFOZ.

 Dentro das actividades culturais de dinamización da Biblioteca Municipal, aberto a todas as persoas interesadas en asistir, terá lugar o encontro coa autora deste revelador relato novelado da historia real de 1700 rapaces galegos que viaxaron a Cuba en 1853 para traballar e acabaron vendidos como esclavos. Con este encontro literario celebramos o Día do Libro. Actividade subvencionada polo Plan Único da Deputación Provincial.



Somos iguais

 

"SOMOS IGUAIS" DE RAQUEL QUEIZÁS O VENRES 18 ÁS 15.00H NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DA CULTURA PARA TODO O ALUMNADO DO CEIP CASTRO DE OURO DE ALFOZ

SOMOS IGUAIS Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de PRINCESAS ROSAS e apocadas e de PRÍNCIPES AZUIS insensibles. E un día gritou: XA ABONDA!!! Púxose o gorro e as lentes de piloto e foise a buscar contos para demostrar que as nenas e os nenos SOMOS IGUAIS. Si, igual de valentes e igual de sensibles. Descubriremos historias de nenas e nenos (tamén de animais personificados) que rompen os estereotipos que abundan nos contos tradicionais. Atoparemos nenas decididas e nenos sensibles, identificaremos situacións ás que nos temos que enfrontar día a día, na escola, en casa, cos amigos… onde a violencia ou a agresividade física e verbal pode ter réplica e solución grazas á palabra e gozaremos xogando coa imaxinación que nos une. Desde a nenez pódese previr todo tipo de violencias mediante novos modelos de feminidade e masculinidade, rompendo asi? cos roles e estereotipos tradicionalmente asignados a cada xénero . Desmontemos con contos estes estereotipos que dificultan a convivencia pacífica entre nenas e nenos