ATLÁNTICA FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL. ALFOZ 2022. 2 E 9 DE XULLO.

O sábado 2 de xullo: Santi Prego e Jorge de Arcos presentan “O teatro máis pequeno do mundo”.
Santi Prego  é actor de teatro, cine e TV, titiriteiro e narrador oral a quen todos coñecemos polo seu traballo en series como Néboa, O sabor das margaridas, Rapa, etc. Comezou a contar a mediados dos anos '90 en institutos e as súas historias xa pasaron por teatros, casas da cultura, bibliotecas e mesmo en programas da televisión como Apaga a lus e tamén na Radio Galega. Jorge de Arcos formou parte da compañía Matarile nos espectáculos Antes de la metralla (2017) e Daimon y la jodida lógica (2019). Gañador do campionato de improvisación teatral galego-portugués Fetega 2021.
“O teatro máis pequeno do mundo”onde o actor Santi Prego, acompañado nesta ocasión por Jorge de Arcos, presenta un repertorio que inclúe contos con participación e contos improvisados. O seu xeito de contar é moi visual. Nas súas historias sempre hai maxia e poesía e nunca falta un elemento de comicidade sutil.



O sábado 9 de xullo: Rilo & Penadique presentan “Lavandeiras”.
No 2017 xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e nace de parto natural Rilo&Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para bebés, rapazada e público familiar. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.
Presentáronse na escena galega co espectáculo-obradoiro para bebés e familias ARRE RU, e pouco despois afianzáronse como dúo coa proposta para público familiar O pozo das señoras. Pouco despois saíron de Galiza para explorar novos mundos. 
Ata a data acumulan novos títulos: A formiga no carreiro, Barrococó, Derriba da lúa, Historias con susto para durmir a gusto...Recentemente deron o salto ao público adulto co espectáculo Arrolando as Frores e seguen xirando con Lavandeiras.
En “Lavandeiras”as mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e as historias sucédense por toda a nosa xeografía, tanto física como identitaria.
Recollemos parte dese patrimonio oral, dende as lavandeiras nocturnas enchoupadas en sangue até o traballo colectivo das lavandeiras de Redondela, na Illa de San Simón cando a guerra. Tamén contamos de Manuela Lores, e cantamos as fontes, os ríos. Poñemos os pés a remollo cada día...


 

O MAGO PEDRO BUGARÍN PRESENTA "Galicia ilusiona coa maxia" O 25 DE XUÑO EN ALFOZ

O sábado, 25 de xuño, no Salón de Actos da Casa da Cultura, ás 20:30h teremos a oportunidade de desfrutar co mago Pedro Bugarín que presenta o seu espectáculo para todos os públicos "Galicia ilusiona coa maxia" que forma parte do programa Ler conta Moito da Xunta de Galicia.


 

"TISPILISTRIÑAS" CONTOS PARA BEBÉS DE PAVÍS PAVÓS NA ESCOLA INFANTIL DE ALFOZ

Dentro do Programa Ler Conta Moito, Pavís Pavós, traerá á Escola Infantil Galiña Azul de Alfoz, o seu espectáculo de contacontos "Trispilistriñas" dirixido a nenas e nenos de 0 a 3 anos o 30 de xuño.


 

A SAÚDE MENTAL, ASIGNATURA PENDENDENTE, A TRAVÉS DO LIBRO "NON PENSES NUN ELEFANTE ROSA" DE ANTÍA YÁÑEZ E A PSIQUIATRA IRIA VEIGA NO CLUB DE LECTURA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE ALFOZ

Venres 3 de xuño, reunión na bilbioteca do Club de Lectura para desfrutar coa visita da escritora de Burela Antía Yáñez e a Psiquiatra Iria Veiga. Inmersos na lectura do libro "Non penses nun elefante rosa" no que se retrata de xeito maxistral a situación de Aurora, a súa protagonista, que padece TOC, cun ritmo frenético que che transmite a velocidade de vértigo do cerebro de Aurora, a presión, ...un libro imprescindible para dar a coñecer unha realidade que sofren moitas máis persoas do que podemos pensar. O libro é a "excusa" para poder coñecer á autora e a través dela a obra, de analizar coa doctora Iria Veiga a realidade do problema, máis visible desde a pandemia sen dúbida, pero no que esta sociedade precisa implicarse e avanzar. Un faladoiro máis que interesante no que todos os participantes se implicaron.


 

XOVES 30 DE XUÑO, 18:00H NO PARQUE ALCALDE JOSÉ PALMEIRO, HOMENAXE A DOMINGO VILLAR COA LECTURA CONXUNTA DE "ALGÚNS CONTOS COMPLETOS"

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal realizará unha lectura conxunta da obra "Algúns contos completos" como homenaxe a Domingo Villar, gran escritor e magnífica persoa que recentemente faleceu, como mostra de dor polo seu pasamento e de recoñecemento a súa obra e a súa persoa. Actividade aberta a todo quen queira participar e acompañarnos na derradeira actividade antes das vacacións de verán. En setembro volvemos a empezar...

 

LUDIVERÁN-XOGANDO EN IGUALDADE. VERÁN 2022.

Un ano máis imos organizar actividades para nenas e nenos nados entre 2010 e 2019, desde o 4 de xullo ata o 26 de agosto repartidas en 4 quendas das que podes elixir unha, varias ou todas para vir de luns a venres (laborables) de 10:00 a 13:00h ao CEIP Castro de Ouro. De balde, subvencionado polo Concello de Alfoz e pola Sª Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, O Ministerio de Igualdade e a Unión Europea. Deporte, xogos, experimentos, medio ambiente, piscina, ... sempre para fomentar a igualdade. Reunión Informativa: 15 de xuño ás 20:00h no Salón de Actos de Cultura. Inscricións do 17 ao 14 de xuño.