Letras galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

 O autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 é un reflexo da cultura galega no século XX. Militante do Partido Galeguista, exiliado en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas. Como poeta escribiu entre dous mundos: a súa terra de Valdeorras e o país de acollida, México. Neste especial, que arrinca hoxe, o Consello da Cultura Galega irá incorporando diferentes contidos co obxectivo de dar a coñecer a vida e obra do poeta e poñer en valor o seu legado.



  • Xosé Ramón Fandiño asina no Álbum de Galicia esta biografía de Florencio Delgado Gurriarán. Pincha na imaxe


LUME ESCÉNICO, DA PONTENOVA, PRESENTA A SÚA COMEDIA TEATRAL "COUSAS DE BARES" O 7 DE MAIO.

 O grupo Lume Escénico, da Pontenova, representa “Cousas de bares” . Poderase desfrutar deste obra o SÁBADO 7 DE MAIO ás 20.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz. A representación trata dun accidente de tráfico no que está implicado un coche fúnebre, nun bar aparece un ataúde cun boleto de lotaría dentro. Esta é unha obra de ritmo trepidante e con xiros inesperados. Unha cita fronte ao cemiterio, para un espectáculo… mortal!. Subvencionado a través do Plan Único da Deputación de Lugo: Área de Cultura_Xornadas de Teatro.



"AS TRES SOLTEIRONAS", COMEDIA TEATRAL DA ASOCIACIÓN CULTURAL ABRENTE DAS NOGAIS O 23 DE ABRIL

 Ás 20:00h no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz, do sábado 23 de abril, a Asociación Cultural Abrente presenta a súa comedia "As tres solteironas". Esta comedia ambientada nos anos 50 caricaturiza a ansia de dúas familias por amañar as súas herdanzas pactando casamentos. Cunha trama argumental que se complica por certos intereses económicos, algún namoramento imprevisto, un cura de armas tomar, envexas, malas linguas e ata unha maga e un enxame de abellas...Financiado no Plan Único da Deputación Provincial: Área de Cultura-Xornadas de teatro 2022




CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO INFANTIL LETRAS GALEGAS 2022. BIBLIOTECA PÚBLICA DE ALFOZ E BIBLIOTECA PÚBLICA DE LUGO

 Un ano máis convócase o concurso de narración e debuxo da Letras Galegas 2022 co tema "O que pasa ao meu arredor". Ata o día 10 de maio poderanse entregar os traballos na Biblioteca Pública de Alfoz, das 3 categorías establecidas: categoría A ata 8 anos, categoría B de 9 a 11 anos e categoría C de 12 a 16 anos. Os premiados na fase local participarán no certame da Biblioteca Pública de Lugo. Bases e inscrición: pincha na imaxe para acceder ao enlace.