ATLÁNTICA FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL. ALFOZ 2022. 2 E 9 DE XULLO.
Santi Prego é actor de teatro, cine e TV, titiriteiro e narrador oral a quen todos coñecemos polo seu traballo en series como Néboa, O sabor das margaridas, Rapa, etc. Comezou a contar a mediados dos anos '90 en institutos e as súas historias xa pasaron por teatros, casas da cultura, bibliotecas e mesmo en programas da televisión como Apaga a lus e tamén na Radio Galega. Jorge de Arcos formou parte da compañía Matarile nos espectáculos Antes de la metralla (2017) e Daimon y la jodida lógica (2019). Gañador do campionato de improvisación teatral galego-portugués Fetega 2021.
“O teatro máis pequeno do mundo”onde o actor Santi Prego, acompañado nesta ocasión por Jorge de Arcos, presenta un repertorio que inclúe contos con participación e contos improvisados. O seu xeito de contar é moi visual. Nas súas historias sempre hai maxia e poesía e nunca falta un elemento de comicidade sutil.
No 2017 xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e nace de parto natural Rilo&Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para bebés, rapazada e público familiar. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.
Presentáronse na escena galega co espectáculo-obradoiro para bebés e familias ARRE RU, e pouco despois afianzáronse como dúo coa proposta para público familiar O pozo das señoras. Pouco despois saíron de Galiza para explorar novos mundos.
Ata a data acumulan novos títulos: A formiga no carreiro, Barrococó, Derriba da lúa, Historias con susto para durmir a gusto...Recentemente deron o salto ao público adulto co espectáculo Arrolando as Frores e seguen xirando con Lavandeiras.
En “Lavandeiras”as mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e as historias sucédense por toda a nosa xeografía, tanto física como identitaria.
Recollemos parte dese patrimonio oral, dende as lavandeiras nocturnas enchoupadas en sangue até o traballo colectivo das lavandeiras de Redondela, na Illa de San Simón cando a guerra. Tamén contamos de Manuela Lores, e cantamos as fontes, os ríos. Poñemos os pés a remollo cada día...
O MAGO PEDRO BUGARÍN PRESENTA "Galicia ilusiona coa maxia" O 25 DE XUÑO EN ALFOZ
O sábado, 25 de xuño, no Salón de Actos da Casa da Cultura, ás 20:30h teremos a oportunidade de desfrutar co mago Pedro Bugarín que presenta o seu espectáculo para todos os públicos "Galicia ilusiona coa maxia" que forma parte do programa Ler conta Moito da Xunta de Galicia.
"TISPILISTRIÑAS" CONTOS PARA BEBÉS DE PAVÍS PAVÓS NA ESCOLA INFANTIL DE ALFOZ
Dentro do Programa Ler Conta Moito, Pavís Pavós, traerá á Escola Infantil Galiña Azul de Alfoz, o seu espectáculo de contacontos "Trispilistriñas" dirixido a nenas e nenos de 0 a 3 anos o 30 de xuño.
A SAÚDE MENTAL, ASIGNATURA PENDENDENTE, A TRAVÉS DO LIBRO "NON PENSES NUN ELEFANTE ROSA" DE ANTÍA YÁÑEZ E A PSIQUIATRA IRIA VEIGA NO CLUB DE LECTURA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE ALFOZ
Venres 3 de xuño, reunión na bilbioteca do Club de Lectura para desfrutar coa visita da escritora de Burela Antía Yáñez e a Psiquiatra Iria Veiga. Inmersos na lectura do libro "Non penses nun elefante rosa" no que se retrata de xeito maxistral a situación de Aurora, a súa protagonista, que padece TOC, cun ritmo frenético que che transmite a velocidade de vértigo do cerebro de Aurora, a presión, ...un libro imprescindible para dar a coñecer unha realidade que sofren moitas máis persoas do que podemos pensar. O libro é a "excusa" para poder coñecer á autora e a través dela a obra, de analizar coa doctora Iria Veiga a realidade do problema, máis visible desde a pandemia sen dúbida, pero no que esta sociedade precisa implicarse e avanzar. Un faladoiro máis que interesante no que todos os participantes se implicaron.
XOVES 30 DE XUÑO, 18:00H NO PARQUE ALCALDE JOSÉ PALMEIRO, HOMENAXE A DOMINGO VILLAR COA LECTURA CONXUNTA DE "ALGÚNS CONTOS COMPLETOS"
O Club de Lectura da Biblioteca Municipal realizará unha lectura conxunta da obra "Algúns contos completos" como homenaxe a Domingo Villar, gran escritor e magnífica persoa que recentemente faleceu, como mostra de dor polo seu pasamento e de recoñecemento a súa obra e a súa persoa. Actividade aberta a todo quen queira participar e acompañarnos na derradeira actividade antes das vacacións de verán. En setembro volvemos a empezar...
LUDIVERÁN-XOGANDO EN IGUALDADE. VERÁN 2022.
Un ano máis imos organizar actividades para nenas e nenos nados entre 2010 e 2019, desde o 4 de xullo ata o 26 de agosto repartidas en 4 quendas das que podes elixir unha, varias ou todas para vir de luns a venres (laborables) de 10:00 a 13:00h ao CEIP Castro de Ouro. De balde, subvencionado polo Concello de Alfoz e pola Sª Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, O Ministerio de Igualdade e a Unión Europea. Deporte, xogos, experimentos, medio ambiente, piscina, ... sempre para fomentar a igualdade. Reunión Informativa: 15 de xuño ás 20:00h no Salón de Actos de Cultura. Inscricións do 17 ao 14 de xuño."MIÑA CASA, MEU LAR" CONTACONTOS DE MEDIO AMBIENTE CON CAXOTO.DOMINGO 22 DE MAIO, 19:30H NO SALÓN DE ACTOS DE CULTURA.
Ao remate farase a entrega dos premios do Concurso de narración e debuxo das Letras Galegas da Biblioteca Municipal.
Letras galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán
O autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 é un reflexo da cultura galega no século XX. Militante do Partido Galeguista, exiliado en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas. Como poeta escribiu entre dous mundos: a súa terra de Valdeorras e o país de acollida, México. Neste especial, que arrinca hoxe, o Consello da Cultura Galega irá incorporando diferentes contidos co obxectivo de dar a coñecer a vida e obra do poeta e poñer en valor o seu legado.
- Xosé Ramón Fandiño asina no Álbum de Galicia esta biografía de Florencio Delgado Gurriarán. Pincha na imaxe
LUME ESCÉNICO, DA PONTENOVA, PRESENTA A SÚA COMEDIA TEATRAL "COUSAS DE BARES" O 7 DE MAIO.
O grupo Lume Escénico, da Pontenova, representa “Cousas de bares” . Poderase desfrutar deste obra o SÁBADO 7 DE MAIO ás 20.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz. A representación trata dun accidente de tráfico no que está implicado un coche fúnebre, nun bar aparece un ataúde cun boleto de lotaría dentro. Esta é unha obra de ritmo trepidante e con xiros inesperados. Unha cita fronte ao cemiterio, para un espectáculo… mortal!. Subvencionado a través do Plan Único da Deputación de Lugo: Área de Cultura_Xornadas de Teatro.
"AS TRES SOLTEIRONAS", COMEDIA TEATRAL DA ASOCIACIÓN CULTURAL ABRENTE DAS NOGAIS O 23 DE ABRIL
Ás 20:00h no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz, do sábado 23 de abril, a Asociación Cultural Abrente presenta a súa comedia "As tres solteironas". Esta comedia ambientada nos anos 50 caricaturiza a ansia de dúas familias por amañar as súas herdanzas pactando casamentos. Cunha trama argumental que se complica por certos intereses económicos, algún namoramento imprevisto, un cura de armas tomar, envexas, malas linguas e ata unha maga e un enxame de abellas...Financiado no Plan Único da Deputación Provincial: Área de Cultura-Xornadas de teatro 2022
CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO INFANTIL LETRAS GALEGAS 2022. BIBLIOTECA PÚBLICA DE ALFOZ E BIBLIOTECA PÚBLICA DE LUGO
Un ano máis convócase o concurso de narración e debuxo da Letras Galegas 2022 co tema "O que pasa ao meu arredor". Ata o día 10 de maio poderanse entregar os traballos na Biblioteca Pública de Alfoz, das 3 categorías establecidas: categoría A ata 8 anos, categoría B de 9 a 11 anos e categoría C de 12 a 16 anos. Os premiados na fase local participarán no certame da Biblioteca Pública de Lugo. Bases e inscrición: pincha na imaxe para acceder ao enlace.
BIBIANA CANDIA, AUTORA DE "AZUCRE", O LUNS 21 ÁS 18:00H NA BIBLIOTECA DE ALFOZ.
Dentro das actividades culturais de dinamización da Biblioteca Municipal, aberto a todas as persoas interesadas en asistir, terá lugar o encontro coa autora deste revelador relato novelado da historia real de 1700 rapaces galegos que viaxaron a Cuba en 1853 para traballar e acabaron vendidos como esclavos. Con este encontro literario celebramos o Día do Libro. Actividade subvencionada polo Plan Único da Deputación Provincial.
Somos iguais
"SOMOS IGUAIS" DE RAQUEL QUEIZÁS O VENRES 18 ÁS 15.00H NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DA CULTURA PARA TODO O ALUMNADO DO CEIP CASTRO DE OURO DE ALFOZ
SOMOS IGUAIS Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de PRINCESAS ROSAS e apocadas e de PRÍNCIPES AZUIS insensibles. E un día gritou: XA ABONDA!!! Púxose o gorro e as lentes de piloto e foise a buscar contos para demostrar que as nenas e os nenos SOMOS IGUAIS. Si, igual de valentes e igual de sensibles. Descubriremos historias de nenas e nenos (tamén de animais personificados) que rompen os estereotipos que abundan nos contos tradicionais. Atoparemos nenas decididas e nenos sensibles, identificaremos situacións ás que nos temos que enfrontar día a día, na escola, en casa, cos amigos… onde a violencia ou a agresividade física e verbal pode ter réplica e solución grazas á palabra e gozaremos xogando coa imaxinación que nos une. Desde a nenez pódese previr todo tipo de violencias mediante novos modelos de feminidade e masculinidade, rompendo asi? cos roles e estereotipos tradicionalmente asignados a cada xénero . Desmontemos con contos estes estereotipos que dificultan a convivencia pacífica entre nenas e nenosCalendarios de nadal





















