LAURA DÍAZ FRAGA ACADA O 3º PREMIO DE NARRACIÓN NO CERTAME DE DEBUXO E NARRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS DA BIBLIOTECA PÚBLICA DE LUGO. NORABOA!!



 

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE ALFOZ PECHA POR VACACIÓNS DO PERSOAL DO 4 AO 17 DE XULLO. LEMBRA QUE TEMOS A BIBLIOPISCINA DISPOÑIBLE PARA LER REVISTAS E LIBROS NO TEMPO QUE DESFRUTES DAS PISCINAS MUNICIPAIS.



 

ATLÁNTICA FESTIVAL INTERNACIONAL DE NARRACIÓN ORAL. ALFOZ 2022. 2 E 9 DE XULLO.

O sábado 2 de xullo: Santi Prego e Jorge de Arcos presentan “O teatro máis pequeno do mundo”.
Santi Prego  é actor de teatro, cine e TV, titiriteiro e narrador oral a quen todos coñecemos polo seu traballo en series como Néboa, O sabor das margaridas, Rapa, etc. Comezou a contar a mediados dos anos '90 en institutos e as súas historias xa pasaron por teatros, casas da cultura, bibliotecas e mesmo en programas da televisión como Apaga a lus e tamén na Radio Galega. Jorge de Arcos formou parte da compañía Matarile nos espectáculos Antes de la metralla (2017) e Daimon y la jodida lógica (2019). Gañador do campionato de improvisación teatral galego-portugués Fetega 2021.
“O teatro máis pequeno do mundo”onde o actor Santi Prego, acompañado nesta ocasión por Jorge de Arcos, presenta un repertorio que inclúe contos con participación e contos improvisados. O seu xeito de contar é moi visual. Nas súas historias sempre hai maxia e poesía e nunca falta un elemento de comicidade sutil.



O sábado 9 de xullo: Rilo & Penadique presentan “Lavandeiras”.
No 2017 xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e nace de parto natural Rilo&Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para bebés, rapazada e público familiar. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.
Presentáronse na escena galega co espectáculo-obradoiro para bebés e familias ARRE RU, e pouco despois afianzáronse como dúo coa proposta para público familiar O pozo das señoras. Pouco despois saíron de Galiza para explorar novos mundos. 
Ata a data acumulan novos títulos: A formiga no carreiro, Barrococó, Derriba da lúa, Historias con susto para durmir a gusto...Recentemente deron o salto ao público adulto co espectáculo Arrolando as Frores e seguen xirando con Lavandeiras.
En “Lavandeiras”as mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e as historias sucédense por toda a nosa xeografía, tanto física como identitaria.
Recollemos parte dese patrimonio oral, dende as lavandeiras nocturnas enchoupadas en sangue até o traballo colectivo das lavandeiras de Redondela, na Illa de San Simón cando a guerra. Tamén contamos de Manuela Lores, e cantamos as fontes, os ríos. Poñemos os pés a remollo cada día...


 

O MAGO PEDRO BUGARÍN PRESENTA "Galicia ilusiona coa maxia" O 25 DE XUÑO EN ALFOZ

O sábado, 25 de xuño, no Salón de Actos da Casa da Cultura, ás 20:30h teremos a oportunidade de desfrutar co mago Pedro Bugarín que presenta o seu espectáculo para todos os públicos "Galicia ilusiona coa maxia" que forma parte do programa Ler conta Moito da Xunta de Galicia.


 

"TISPILISTRIÑAS" CONTOS PARA BEBÉS DE PAVÍS PAVÓS NA ESCOLA INFANTIL DE ALFOZ

Dentro do Programa Ler Conta Moito, Pavís Pavós, traerá á Escola Infantil Galiña Azul de Alfoz, o seu espectáculo de contacontos "Trispilistriñas" dirixido a nenas e nenos de 0 a 3 anos o 30 de xuño.